lunes, 27 de julio de 2015

REFLEXIÓN SOBRE O MARCO CONCEPTUAL DO CURSO DE POSGRAO DE ESPECIALIZACIÓN EN ORIENTACIÓN LABORAL

A orientación laboral ten a súa razón de ser na necesidade das persoas de atopar unha ocupación laboral axeitada e nese contexto o desemprego é o gran obstáculo. A economía explica as razóns da existencia de desemprego e a política económica trata de dar solucións ao mesmo. Ambos aspectos conforman o marco de referencia da orientación laboral.

A ECONOMÍA, RAZÓNS DO DESEMPREGO


Na súa intervención o profesor Fernando Agulló analiza cales son as dúas correntes económicas básicas que explican a existencia de desemprego. Os clásicos consideran que se produce pola existencia dun desequilibrio entre a oferta e a demanda de man de obra e que mediante unha redución nos salarios se restablecería o equilibrio. Estes días se filtraba na prensa unha suposta conversa entre Angela Merkel e Christine Lagarde sobre a necesidade de baixar o salario en España a 250 €, esta sería unha medida derivada desta visión económica.
Por outro lado están os Keynesianos que consideran que a clave está na demanda de man de obra e non na oferta. É dicir, para que haxa contratacións debe haber demanda de bens e servizos e para iso debe haber capacidade de compra nos individuos.  Pero a cousa non é tan sinxela, porque logo están os ciclos económicos e tamén as orientacións produtivas nas que cada sociedade se especializa. E así podemos falar de distintos tipos de desemprego: friccional (persoas traballadoras que están nun proceso de cambio de emprego), estrututal (persoas traballadoras con cualificacións escasamente demandadas), cíclico (persoas traballadoras desempregadas pola recesión económica) e estacional (persoas  que non require o mercado nunha época do ano).

ACCIÓNS DE POLÍTICA ECONÓMICA PARA O DESEMPREGO
Sendo o desemprego unha situación non desexada, as distintas institucións tratan de paliar esta situación a través de programas e medidas de política económica. Europa, España e Galicia artellan de forma coordinada e en niveis de concreción diferentes accións para a mellora da empregabilidade.
A nivel Europeo, a Estratexia Europea 2020 é o marco que permite aos países compartir información, debater e coordinar as políticas de emprego a través do chamado “método aberto de coordinación”. Cada ano, os gobernos dos países membros a través do Comité de Emprego elaboran un paquete de medidas de emprego.
A Estratexia Europea 2020 ten por obxecto un crecemento baseado na innovación, na sustentabilidade e na cohesión social e territorial. Estre os  obxectivos que fixa a Estratexia Europa  2020 está que o 75% da poboación entre 20 e 64 anos debería estar empregada.
O marco da política de emprego en España é Estratexia de Activación para o Emprego 2014-2016 que constitúe o marco plurianual para a coordinación e execución das políticas de activación para o emprego. A estratexia concretase nos Plans Anuais de Política de emprego que conteñen os servizos (accións) e os programas (medidas) de políticas activas de emprego que se van a levar a cabo desde o Servizo Público de Emprego (SEPE).

O Sistema Nacional de Emprego está formado polo Servizo  Público de Emprego Estatal  que se ocupa da lexislación en materia laboral e das políticas pasivas de emprego (prestacións  e subsidios) e o Servizo Público de Emprego de Galicia que ten as competencias transferidas en materia de desenvolvemento e execución das políticas activas de emprego desde o ano 1997.

A estrutura orgánica do Servizo Público de Emprego de Galicia está articulada en torno a dúas Direccións Xerais, a de Traballo e Economía Social e a de Emprego e Formación. O elemento organizativo básico do SPEG son as 53 oficinas de emprego territoriais que son a porta de acceso dos demandantes de emprego  á rede de servizos para a mellora da empregabilidade e o acceso ao mercado laboral.
Foi Teresa Bernal Cortegoso, Xefa do Servizo de Orientación Laboral da Xunta de Galicia a que abordou  no curso como era o funcionamento do SEPE e fixo tamén unha descrición dos tres elementos básicos á hora de ter en conta nun proceso de orientación laboral: a dispoñibilidade, a empregabilidade e a ocupabilidade.

·         A ocupabilidade ten que ver coa situación do mercado laboral, coa cointura económica e coa  orientación produtiva do pais.

·         A dispoñibilidade ten que ver con estar disposto a traballar nas condicións que oferta o mercado.

·         A empregabilidade ten que ver coas ocupacións que demanda o mercado, con ter os coñecementos necesarios para traballar.

A FORMACIÓN PARA A MELLORA DA EMPREGABILIDADE
O elemento básico á hora de mellorar a empregabilidade é a formación. As ponencias do curso impartidas por Elena González de la Cámara Cayuela e Ana Ferreiroa Dobarro abordaron como está configurada formación profesional en España.
Elena González explicou polo miúdo cal é a estrutura da formación profesional en España. Estudiadas as necesidades do mercado de traballo elaborase un Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que se toma como referencia para elaborar un Catálogo modular de Formación Profesional que da lugar a 26 familias profesionais nas que se integran os títulos de Formación Profesional da Administración Educativa e tamén aos Certificados de Profesionalidade da autoridade laboral.

Este sistema constrúese en base a un concepto clave, o de competencia. A competencia é o conxunto de capacidades, habilidades e actitudes necesarias para dar resposta con éxito ás esixencias que os diferentes contextos da vida cotiá, entre eles o profesional nos demandan. A Unidade de competencia é o agregado mínimo de competencias profesionais, susceptible de recoñecemento e acreditación parcial e os criterios de realización expresan o nivel aceptable da realización profesional que satisface os obxectivos das organizacións productivas e constitúen unha guía para a avaliación da competencia profesional.

A cualificación profesional é un estándar oficial que contén as competencias requiridas para levar a cabo actividades no contexto dunha profesión, existen cinco niveis de cualificación profesional. Ana Ferreiroa Dobarro, do Instituto  Galego das Cualificacións abordou na súa exposición as tres formas de adquirir unha cualificación profesional:

·         no sistema educativo mediante os títulos de formación profesional

·         coa formación para o emprego mediante os certificados de profesionalidade

·         a través do recoñecemento da experiencia laboral


Os CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE, ao igual que os títulos de formación profesional da autoridade educativa están baseados no Catalogo Nacional das Cualificacións Profesionais, estruturanse en módulos formativos que poden dividirse en unidades formativas.

A competencia para expedir os Certificados de Profesionalidade é do Instituto Galego das Cualificacións e só os centros acreditados pola Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo poderán impartir formación que de acceso directo a un certificado de profesionalidade, no caso da teleformación a acreditación dos centros a realiza o SEPE.

No caso de realizar formación en centros non acreditados, haberá que presentarse ás PROBAS DE RECOÑECEMENTO DA EXPERIENCIA PROFESIONAL e superalas para poder obter un certificado de profesionalidade. As probas para o recoñecemento da experiencia profesional teñen por obxecto recoñecer de forma oficial competencias profesionais adquiridas a través da experiencia profesional ou por vías non formais de formación.
A FORMACIÓN PROFESIONAL NO SISTEMA EDUCATIVO está estruturada en ciclos formativos baseados no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, existen ciclos formativos de grao superior, de grao medio e formación profesional básica.

 
Existe correspondencia entre os títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade. Os títulos de formación profesional están formados por unidades de competencia que teñen a súa equivalencia nos módulos formativos dos certificados de profesionalidade.

EUROPA, MÁIS RECURSOS PARA O EMPREGO

A libre circulación de traballadores é un principio constitutivo da UE. Cristina Couto de Europe Direct de A Coruña fixo unha exposición moi detallada das diversas ferramentas que a Unión Europea ofrece con información de todo tipo para facilitar a mobilidade no territorio europeo: estancias en institucións europeas, voluntariado, vacantes para investigadores…etc.  Quizais o recurso máis coñecido é a Rede Eures. A Rede Europea de Servizos de Emprego (EURES) é unha rede de cooperación entre a Comisión Europea e os Servizos Públicos de Emprego dos estados membros para facilitar a mobilidade profesional. Proporciona información e asesoramento  sobre contratación a  empresarios e traballadores.

Outro dos pilares da UE son os recursos económicos que destina para financiar políticas de emprego. Un dos máis coñecidos é o Fondo Social Europeo, un fondo estrutural que ten como misión aumentar as oportunidades de emprego, promover a educación e a aprendizaxe permanente, mellorar a inclusión social, axudar a combater a pobreza e mellorar a capacidade das administración públicas para dar mellor servizo aos cidadáns e solicitantes de emprego. Hai outros como son o Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) que son axudas individuais puntuais e de duración limitada aos traballadores que perderon o seu emprego a consecuencia da globalización ou  o Programa Europeo para o Emprego e a Innovación Social (EASI) que promove un alto nivel de calidade e de emprego sostible, garantir unha protección social adecuada, loitar contra a exclusión social e a pobreza e mellorar as condicións de traballo.
A INICIATIVA EMPRENDEDORA
A iniciativa emprendedora responde a detectar unha oportunidade e moitas veces se convirte na solución ante a a falta de emprego por conta allea. Fernando Agulló desgranaba na súa intervención as características da España emprendora e abordaba cales son os elementos esenciais para a creación de empresas: a idea, motivación e un plan.
Como método para validar a idea empresarial propón o método CANVAS de Alexander Osterwalder que consiste en plasmar gráficamente nunha única folla dividida en nove partes como será o proceso en que se creará valor e cales serán os recursos necesarios para tal fin.

No hay comentarios:

Publicar un comentario